Camilo Forján asina un acordo coa Xunta para participar na prevención de incendios

21.05.2010  O Concello de Padrón e a Consellería de Medio Rural establecen un convenio de colaboración para participar na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías, camiños e outras superficies de monte de titularidade municipal. O alcalde padronés Camilo Forján e o conselleiro de Medio Rural, Samuel Juárez, asinaron o acordo para xestionar a biomasa forestal nas vías e camiños que pertencen ao Concello, «realizando traballos preventivos nos estratos arbóreos, arbustivo e subarbustivo», segundo informou onte Camilo Forján.

 

 Os labores preventivos deberán finalizar antes do 20 de setembro. A consellería financiará as accións previstas neste convenio cun máximo de 6.500 euros, que se corresponde cunha superficie de 50 hectáreas (130 euros por hectárea). Esa achega inclúe os gastos de man de obra, mantemento e funcionamento de tractores e vehículo de transporte. Establécese, ademais, unha comisión de seguimento do convenio de colaboración.

Por outra banda, o alcalde tamén informou de que o Valedor do Pobo pechou o expediente iniciado pola queixa presentada polo coordinador en Galicia da ONG animalista Libera, Rubén Pérez Sueiras, que manifestaba que o Concello de Padrón incumpría sistematicamente as obrigacións establecidas por lei en canto á protección de animais domésticos e salvaxes en catividade de Galicia. Neste sentido, a queixa centrábase en que Padrón non tiña servizo de lacería nin centro de recollida de animais abandonados, así como non dispuña de partida económica para desenvolver tales obrigas lexislativas. Foi rexeitada en base á documentación remitida polo Concello o 3 de maio.