Un consagrado artista ourensano gaña o Premio Terras de Iria

12.06.2010 Manuel Bouzo, un artista ourensán cunha ampla e sólida traxectoria tanto en espazos públicos e privados, é o gañador da décimo terceira edición do Premio de Pintura Terras de Iria, que convocan os concellos de Padrón, Rois e Dodro, xunto coa empresa Aluminios Cortizo, e que se fallou onte no convento da Carmen. Bouzo presentou ao certame a obra titulada O niño baleiro, realizada en acrílico sobre lenzo cunhas dimensións de 140x 180 centímetros. Como primeiro premio, recibiu 8.000 euros, unha das dotacións económicas máis importantes dun certame artístico dentro da comunidade.

O xurado decidiu outorgar o segundo premio á obra de Mónica Dixon, nacida en Nova Jersey en 1971. O cadro leva por título Reed door, tamén realizada en acrílico sobre lenzo de 160x130 centímetros. No seu caso recibiu 3.000 euros. Este ano non houbo recoñecemento aos traballos presentados a nivel comarcal ao non conceder a mención contemplada nas bases, o que decepcionou a algunhas persoas.

A entrega dos premios coincidiu coa apertura dunha exposición coas 26 obras seleccionadas polo xurado, que estivo presidido polo Concello de Padrón. No acto, ao que asistiron autoridades políticas do tres concellos e responsables da organización, ademais de participantes, actuou o grupo Segreis, que brindou un espectáculo de música e poesía.
O certame, ao que se presentaron 328 obras, está destinado a promocionar tanto a artistas noveis como consolidados e a achegar ao público o pulso da creación actual.